Saturday 04 de May de 2024

Aprobados os orzamentos de Oroso para 2016, que ascenden a 6,3 millóns, medran un 21% e duplican a partida de investimentos reais


O alcalde Manuel Mirás salienta “o macroinvestimento” de 2,33 millóns de euros deste ano nun “concello económicamente sostible, pois os ingresos correntes supoñen o 67% fronte ao 61% dos gastos correntes”

O Concello de Oroso aprobou os seus orzamentos para 2016, que medran un 21% con respecto a 2015 e inclúen unha partida de 2,33 millóns de euros para investimentos reais, o que supón un incremento do 91% con respecto ao ano anterior. Uns orzamentos que contemplan un superávit de 48.404,85 euros, xa que o orzamento de gastos ascende a 6.322.557,25 euros mentres que o orzamento de ingresos é de 6.370.962,10 euros, e que foron aprobados esta mañá polo pleno municipal cos 8 votos a favor de PSOE e BNG, as 4 abstencións do PP e 1 voto en contra de Anova.

O voceiro do grupo de Goberno, Antonio Leira, explicou que estes orzamentos “marcan unha senda positiva no noso concello, unha folla de ruta para a lexislatura e seguir construíndo Concello”. Neste sentido, Leira Piñeiro apuntou que se trata dun orzamento “riguroso no aspecto formal, municipalista para cubrir as necesidades de todos os veciños, sensibles en temas socioculturais e austeros no gasto corrente”. Antonio Leira indicou que “priorizamos o mantemento e mellora dos servizos municipais de abastecemento de auga, saneamento, alumeado e tamén a correcta pavimentación das nosas estradas. E facémolo sen gastar máis do que permiten os recursos que temos, sendo o máis eficientes posible”.

Macroinvestimento

Pola súa banda, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, cualificou os orzamentos de 2016 como “macroinvestidores”, xa que destinan 2.338.021 euros a investimentos reais, un 91% máis ca no exercicio anterior. Ademais, indicou que “Oroso é un concello sostible económicamente. Non é que diga eu, son os números os que nos dan a razón: os ingresos correntes supoñen o 67% do orzamento fronte ao 61% do gasto corrente, a diferencia é de 375.000 euros”. Así mesmo, Mirás Franqueira aproveitou para anunciar que “imos ter un remanente positivo de Tesourería de en torno aos 300.000 euros, que serán destinados a novos investimentos en beneficio dos veciños e veciñas de Oroso”, polo que a partida de investimentos duplicaría a rexistrada en 2015.

Manuel Mirás considera que se trata “dun orzamento moi inversor, con investimentos sostibles que non traen gasto futuro ao Concello”. Entre estes proxectos destacan actuacións como os 200.000 euros para a reurbanización da avenida da Grabanxa, os 120.761 euros para a construción do Centro Cívico da parroquia de Oroso ou os 275.000 euros para dúas novas sendas peonís: de A Baiuca ata A Igrexa (na parroquia de Senra) e dende a rúa María Casares (Porto Avieira) ata o núcleo de Piñeirón (Gándara).

Na partida de orzamentos destacan especialmente os 560.000 euros destinados a insfraestruturas deportivas no municipio, que inclúen a construción de dúas pistas de tenis e unha pista de pádel cuberta, a dotación de céspede artificial para o campo de fútbol de Oroso, a reforma dos vestiarios do campo de fútbol Lino Balado e a mellora da iluminación nos campos de fútbol de Deixebre e Sigüeiro.

Así mesmo, resérvanse máis de 861.000 euros a actuacións na rede de estradas e seguridade viaria, como os 74.000 euros para o asfaltado da pista que vai a Mixoi dende o enlace a Castiñeiro Redondo, os 54.000 euros para mellora da calzada da rúa da Tosca (Sigüeiro), os 23.000 euros na mellora dos accesos ao Refuxio ou os 235.000 euros para mellora da rede viaria municipal. Entre es proxectos tamén destacan os 60.000 euros para as beirarrúas no lugar de O Barreiro e os 58.000 euros para a construción das beirarrúas na N-550.

Para actuacións en materia de saneamento e abastecemento, os orzamentos de 2016 contemplan un investimento de case 180.000 euros nos núcleos de Cachopal (Calvente), A Igrexa (Oroso), Valverde (Vilarromariz) e O Barreiro (Oroso). Os Orzamentos de 2016 contan cun informe de Intervención favorable e que cumpren cos obxectivos de estabilidade orzamentaria, regra de gasto, límite de débeda e límite de gasto non financeiro.

O presuposto de gastos do Concello de Oroso para 2016 ascende a 6.322.557,25 euros, dos que un 61% (3.866.520 euros) destínanse a gasto corrente, 131.819 euros máis ca no exercicio anterior. Os gastos en persoal mantéñense nos 1.270.135 euros, o que representa o 19% do total.

O presuposto de ingresos ascende a 6.370.962,10 euros, un 22% máis ca no exercicio anterior. Desta cantidade, o 67% (4.240.114 euros) correspóndense con ingresos correntes, 85.492 euros máis ca no exercicio 2015. Oroso ingresará 1.783.496 euros de impostos directos, 119.760 euros de impostos indirectos, 669.900 euros de taxas e outros ingresos e 1.663.383 euros de transferencias correntes. As transferencias de capital ascenderán a 1,41 millóns de euros.

Pérgola do CEIP

Na quenda de intervencións, todos os grupos coincidiron en destacar o equilibrio e o realismo das contas de 2016. O voceiro do PP, Alexánder Doval, manifestouse “de acordo coas bonificacións fiscais e coas obras que se propoñen”, aínda que solicitou “afondar na amortización de créditos pendentes” e amosou o seu rexeitamento á partida de 9.000 euros para o Gabinete de Prensa, polo que o optou pola abstención.

Pola súa banda, o voceiro de Anova, Manuel Siverio Mirás, asegurou que os orzamentos “non os vexo mal” pero xustificou o seu voto en contra en que “tivemos pouco tempo para estudialo. O normal sería telo dúas ou tres semanas antes do pleno”, ademais de criticar a reserva de 8.000 euros para a realización de proxectos de infraestruturas que non poida elaborar o Servizo de Urbanismo.

Finalmente, o voceiro do BNG, Xosé Manuel Pérez, indicou que “é un presuposto equilibrado, onde a situación do Concello non é mala” e plantexou dúas propostas para votalos favorablemente: a construción dunha pérgola entre o CEIP de Oroso e o polideportivo municipal que evite que o alumnado se molle cando van facer ximnasia; e a construción dun novo pabillón polideportivo no CEIP de Sigüeiro. “Non pido metelas neste orzamento, pero sí facer os proxectos para poder acometelos ao longo desta lexislatura”, puntualizou o voceiro nacionalista.

O alcalde de Oroso rexeitou a proposta do PP de destinar máis cartos a amortizar débeda. “Temos unha débeda do 21%. Se amortizamos máis débeda perdemos de facer servizos e eu penso que unha infraestrutura está para que a disfruten os veciños canto antes e nós ímola pagando pouco a pouco”, apuntou Manuel Mirás. Aínda así, o Concello de Oroso volverá a reducir outros tres puntos porcentuais de débeda este ano, pasando do 24% ao 21%.

Sobre as peticións do voceiro de Anova, Mirás explicou que os concelleiros tiveron a documentación con varios días de antelación ao legalmente establecido e explicou que estes 8.000 euros están orzamentados por prudencia, “xa que temos seis modificacións puntuais do PXOM en marcha, unha macroinversión este ano, os 300.000 euros do remanente… e, aínda que a Oficina de Urbanismo funciona perfectamente, ao mellor temos que externalizar a realización de parte deses proxectos”.

Finalmente, Mirás aceptou a proposta do BNG sobre construción da pérgola no CEIP de Oroso. “Espero que pronto haxa un cambio de Goberno na Xunta e poidamos facelo porque é algo no que este Concello leva tempo traballando e nos dixeron na Xunta que non se pode facer porque non queren discriminacións con outros nenos doutros concellos”, indicou o alcalde orosán, quen lembrou que “non é competencia nosa, polo que a Xunta ten que darnos autorización para facelo. Seguiremos loitando e, se non a fan eles, cando menos que nos deixen facelo a nós”.

Así mesmo, Manuel Mirás descartou a posibilidade de construír un novo polideportivo a carón do novo CEIP de Sigüeiro e apostou polo peche do actual. Neste sentido, o voceiro do grupo de Goberno, Antonio Leira, lamentou que “nos planos iniciais do novo colexio viña un pabillón de deportes, pero ao final hai o que hai. Nós pedimos que, cando menos, pecharan a parte de arriba porque tamén a tiñan sen pechar”.

Resto da orde do día

O resto da orde do día aprobouse cos votos a favor de PSOE, PP e BNG e co voto en contra de Anova. Trátase dunha modificación puntual da relación de postos de traballo do Concello de Oroso e a actualización do convenio colectivo regulador das condicións de traballo do pesoal laboral ao servizo do Concello, que tiñan o apoio unánime dos representantes sindicais. A corrección dun erro nas contas dun dos proxectos do POS 2016 foi aprobada coa abstención de Anova.